¿Qué é Internet?

Todos estamos de acordo en que "Internet é o futuro", pola súa utilidade, polas súas posibilidades.

Desde o punto de vista físico, de infraestructura, de entramado electrónico, Internet pode definirse como unha Rede de Redes; unha rede mundial de ordenadores. Milleiros e milleiros de ordenadores interconectados, na que todos somos transmisores e receptores. Por ela, podemos recibir novas, mensaxes, información... de todo o mundo. Pero tamén por ela nós podemos enviar opinións, información, mensaxes... ¡ó mundo enteiro!.

É a suma de millóns de ordenadores interconectados; cada un coa súa información. A cada un - alomenos en teoría- podemos acceder en demanda de información, e desde cada un deles - tamén en teoría- pode accederse ó noso posto na Rede; á nosa información. Pasar da teoría á práctica só depende de que saiban de nós, ou de que nós saibamos onde acudir.

A base desta rede técnica, inicialmente chamada Arpanet, naceu nos últimos anos da Guerra Fría; foi unha iniciativa nacida para proporcionar unha rede de comunicacións válida e permanente en momentos de crisis, especialmente no caso de guerra nuclear. As circunstancias políticas e a evolución tecnolóxica fixeron que logo perdese aquel carácter militar para popularizarse e universalizarse, xa co nome de INTERNET.

As conexións efectúanse telefónicamente, de xeito que merced a unha clave, a unión de dous ordenadores é prácticamente instantánea, independientemente do lugar do mundo onde se atopen. Naturalmente que hai limitacións derivadas da capacidade das liñas telefónicas pero coa velocidade coa que se avanza nas novas tecnoloxías cabe supor que moi axiña estas limitacións se vexan superadas.

Pero aparte da súa definición ou significado físico, puramente electrónico, Internet é moito máis, xa que a temos que considerar en canto á función, ó seu papel na sociedade. E con arreglo a este papel hai que considerar que Internet é un medio de difusión, de comunicación, definitivo, global, mundial, que permite o enlace entre xentes dos máis diversos lugares e culturas, dos máis varios niveis e razas, logrando o que se considerou sempre un imposible: o medio interactivo; o medio sensible ó contorno, que emite e recibe; que funciona en ámbalas dúas direccións.

Para quén é Internet

Adóitase pensar que Internet é un xogo para rapaces, aínda que sexa tamén un camiño para o futuro.

Pero, ¿Por que só para os rapaces?. Certo que as novas xeracións están especialmente preparadas, sensibilizadas, para todo o que se refira a Informática e Internet.

Pero que o mundo en que naceran sexa xa o mundo da informática, non quere dicir que os demáis queden fóra dese mundo.

Entrar en Internet é doado. Os medios técnicos precisos para esta entrada están no mercado a disposición de calquera economía, e para o seu acceso non se precisa máis que coñecer os rudimentos da informática, por outra banda moi doados de aprender por calquera tipo de públicos.

Entrar en Internet

Se Internet é o futuro, hai que ir facéndoo presente. Hai que ir perdéndolle o medo a Internet.

O medo non é máis que descoñecemento. Por eso hai que irse achegando a internet para coñecela mellor. Dese coñecemento sairá un posterior achegamento e utilización.

É sabido que cada vez é maior o número de fogares onde hai un ordenador, sexa porque algún dos membros da familia o utiliza para o seu traballo ou para o seu lecer, sexa - especialmente- porque o pequeno ou pequenos da casa o utilizan para os seus estudios.

Trátase, pois, de que dese ordenador se faga un uso máis amplo. Que non só o utilicen os habituais usuarios, senón que tódolos residentes no mesmo domicilio poidan acceder a el; teñan os coñecementos precisos e saiban que poden e deben facelo para non perderse un aspecto imprescindible da vida no mundo actual.

Entrar físicamente en Internet é só producto dunha decisión ou curiosidade. Entrar en Internet é a primeira parte dun proceso que non precisa máis que unhas pautas mínimas de iniciación, podendo logo navegar en solitario sen limitacións.

Para entrar, se coñece a dirección coa que se pretende conectar, non hai máis que entrar no Navegador do que se dispoña no ordenador, e tecleala.

No caso de que se pretenda entrar nunha dirección descoñecida, dunha determinada temática, hai que recurrir a un Buscador. Os buscadores son unidades ou entidades en Internet especializadas en atopar direccións, Portais especializados en facilitar o acceso á información da Rede.

Así, facilitándolle unha palabra a un Buscador, este ha proporcionar unha lista de direccións de Internet que conteñen esa palabra, que fan referencia a ese tema. Se en vez dunha palabra se facilita unha frase, ou aclaracións do concepto inicial, a lista restrínxese e achégase máis directamente á información solicitada.

Buscadores coñecidos ou os máis utilizados son: GOOGLE, LYCOS, TERRA, YAHOO, ALTAVISTA...

Galicia en Internet

Se a filosofía de Internet se basea na súa internacionalización, en superar todo tipo de fronteiras, supón que poidamos acceder cos contidos que nela se situen a todo o mundo. E eso é o que se pretende coa información que fai referencia a Galicia: Que chegue a todo o mundo, especialmente ó mundo da emigración onde se calcula que hai alomenos tres millóns de galegos. E, de paso, a todo o mundo hispano, se a información está en castelán, xaque perto de catrocentos millóns de persoas en todo o mundo falan este idioma.

Pero ó producirse contidos de Internet de Galicia, vistos desde aquí eses contidos apreciamos que hai unha Internet familiar e cercana; ou mellor, que hai unha perspectiva familiar de Internet para o usuario galego, por identificación ou cercanía cos contidos galegos da Rede.

En Galicia existen páxinas oficiais, que achegan a sociedade, a cultura, a administración a tódolos galegos de dentro e fora de Galicia. As páxinas da Xunta de Galicia, Compañía de Radiotelevisión Galicia, Parlamento ou Consello de Cultura Galega son excelentes mostras da presenza oficial galega en Internet.

Os xornais galegos teñen tamén presencia en Internet con cadansúa edición dixital dos seus contidos ( LA VOZ DE GALICIA, EL CORREO GALLEGO-O CORREO GALEGO, EL PROGRESO, LA REGIÓN, FARO DE VIGO, DIARIO DE PONTEVEDRA, DIARIO DE FERROL, LA OPINIÓN, EL IDEAL GALLEGO, ATLÁNTICO DIARIO...) e VIEIROS.COM, XORNAL.COM ou CELTANET.COM, son outros tantos xornais cunha única edición dixital, que lanzan á Rede a actualidade galega.

En canto a Portais galegos de iniciativa privada, específicos ou xerais, son numerosos e variados. Polo que a GALICIADIXITAL.COM se refire, abarca unha amplitude de temas – por agora non desenvolvidos na súa totalidade – nos que sobresaen os que se refiren á cultura, educación, turismo, empresas, galegos, institucións, etc. e mesmo un Curso de Galego, por agora o único existente na Rede.

Para que vale Internet

É ben dificil dar unha resposta concreta a unha pregunta coma esta, porque a Rede está aberta a tódalas valoracións. E cada valoración, sempre subxectiva, dependerá da utilización que dela se efectúe.

Xeralizando, Internet vale, é util, para o traballo e para o lecer; para a cultura e a comunicación; para casi todo. E, polo de agora, quizais só albiscamos unha mínima parte do que pode ser no futuro.

Segundo as necesidades de cada quen, velaquí algúns apuntes do valor de Internet, do que Internet nos pode aportar:

Para a formación de xoves ou adultos:
- Información e Formación académica.
- Conexión con centros de estudio para recibir todo tipo de datos: matrículas, notas...

• Información sobre estudios.
• Becas.
• Enciclopedias.
• Universidade a Distancia.
• Titorías de estudios.
• Cursos de idiomas.
• Bases de datos sobre as máis diversas materias.

Para o mundo do traballo:

• Información de ofertas e demandas de emprego, a través das Bolsas de emprego.
• Información sobre oposicións, concursos... publicadas no Boe, Dog, Bop, etc.
• Información sobre saídas laborais.
• Información laboral en xeral.
• Directorio de centros relacionados co emprego.
• Para os discapacitados, Internet pode ser a posibilidade de superar a súa minusvalía e situarse en igualdade de condicións que os "válidos".
• Teletraballo: Pode ser no futuro a saída perfecta para unha ama de casa e, naturalmente, para todo aquel que quere fuxir do "mundanal ruído".
Para o lecer, as viaxes, a comunicación.

• Adquirir billetes para todo tipo de transportes.
• Venda de entradas para todo tipo de espectáculos.
• Adquisición de libros, discos ou videos.
• Información sobre Vacacións en todo o mundo.
• Xogos, concursos, trucos, diversións, nos máis diversos Portais.
• Chatear cos contertulios máis diversos.
• Coleccionismo.
• Premios literarios.
• Costumbres de todo o mundo, a través das páxinas dos diversos países.
• Tablóns de anuncios.

-Correo electrónico. Para recibir mensaxes, prácticamente gratis ou de coste inapreciable, a través da rede.
- Para falar por teléfono. Os custes son iguais para falar con calquera parte do mundo: o que valla unha chamada local.

• Para o mundo da cultura:

• Bibliotecas virtuais.
• Museos de todo o mundo.
• Xornais na rede (Abc, El Pais, El Mundo, El Periódico...).
• Radios.
• Música.
• Cine e Televisión.
• Para a economía.
• Recibir información e investir en Bolsa desde a casa e en tempo real.
• Posibilidade de efectua-la declaración da Renda por Internet.

• Comercio electrónico, con cargo na conta corrente, ou na tarxeta de crédito.
• Face-la compra habitual en grandes almacéns ou grandes superficies.
• Sector do automovil.
• Tendas virtuais e centros comerciais, nos que poder mercar en tempo real.
• Escaparates comerciais.
• Acceder a contas bancarias e, en xeral, a calquera tipo de información bancaria.
• Para os nenos.
• Material didáctico.
• Xogos.
• Contos.
• Xoguetes.

E, en fin, para a sociedade en xeral; para a vida:

• Saúde (hospitais, urxencias, divulgación, medicina alternativa...).
• Deporte.
• O tempo.
• Coleccionismo.
• Institucións (Moncloa, Senado, Congreso, Casa Real...).
• Subastas.
• Gastronomía.
• Animais de compaña.
• Tarxetas virtuais.

Todo esto, polo que se refire a páxinas web. Pero hai moito máis: Venda a través da Rede, Correo electrónico e envío de mensaxes en xeral, Grupos de Charla, Videoconferencias...

Pero, ¡ollo!, que non todo é favorable. Como en calquera aspecto da vida hai contraindicacions que limitan ou condicionan Internet, e que obrigan a non perdela de vista e ir formando unha Regulación da Rede. E á vista do que ven acontecendo hai que ter en conta que se os beneficios son grandes, tamén o poden ser os perxuicios, que resumiremos moi brevemente nos seguintes aspectos:

• Contidos non desexados ou inaxeitados, sexa pornografía, violencia ou racismo, que ás veces é dificil erradicar. Por non falar dos virus que auténticos terroristas da Rede introducen en Internet, por medio do correo electrónico, e que provocan - no mellor dos casos- a perda da información na que se introducen.

• Nacemento de patoloxías adictivas, contra as que hai que loitar como calquera outra drogadicción.

• Perigosos contactos a través de Internet, que poden proporcionar –teñen proporcionado- encontros problemáticos.

• E atención especial ó feito de Internet en relación cos nenos. Hai que ter en conta que Internet non é un canguro nin o mellor compañeiro de xogos. Os pais teñen que desempeñar o seu papel con plenitude e, na infancia, Internet non debe ser máis que un complemento controlado na súa totalidade.

O futuro en Internet

Todo o dito sobre o valor ou os contidos de Internet vale para o futuro, potenciando ata o infinito o seu papel actual, os contidos e as utilidades.

Queda á imaxinación de cada quen especular sobre o que Internet pode ser no futuro, pero permítasenos que para rematar este Resumo mencionemos só o Teletraballo por considerar que vai ser un dos elementos máis destacados, un dos sinais máis visibles da revolución que Internet vai provocar.

Xa antes se indicou que o Teletraballo podería chegar a ser a saída laboral perfecta para a ama de casa. Quede como apunte de posibilidade futura, sinalando que os posibles cometidos deste Teletraballo poderían ser labores de secretaría, creación de bases de datos, facturación e outros traballos administrativos, deseño industrial, e –claro está- calquera aspecto de labores creativas ou literarias.

Unha gran ventaxa do Teletraballo é a comodidade do traballador que pode desenvolver unha xornada laboral no seu domicilio, programándose persoalmente, axeitándose ás súas circunstancias persoais. En canto á empresa, as ventaxas son minorar as necesidades de infraestructura, reducir costes de equipos, iluminación, calefacción, etc. e anular o absentismo laboral. Outra posibilidade é tamén o réxime autónomo de traballo desde o domicilio, especialmente en traballos de creación.

O tempo irá dando a Internet o seu papel na sociedade, que está sendo xa dunha presencia abrumadora; e irá tamén regulando o seu funcionamento de xeito que sexa beneficioso para todos/todas.

En tanto, entremos na Rede con asiduidade para obter dela os mellores froitos, para recibir e comunicar, para rachar con todo tipo de aillamentos; para loitar por unha igualdade que hoxe pasa por ter un traballo, por ser verdadeiramente libre, por recibir información, por ESTAR/PARTICIPAR/VIVIR no mundo físico e á vez por ESTAR/PARTICIPAR/COMUNICAR en Internet.

Galiciadixital.com



Outros servicios dispoñibles para completar seu nome de dominio.

promocione a súa empresa Escaparate Galego
Promocione a súa Empresa
2,5€  
Promocione os seus productos máis destacados nun escaparate virtual único.
copia de seguridade Copia de Seguridade
Copia de seguridade da súa web
2,5€  
¿Non lle gustaría ter dúas portas e dous escaparates no seu negocio?.
servizos de telefonia telecomunicacións Telecomunicacións
Telefonía e Banda Ancha
5€  
Servizos avanzados: Voz IP, acceso
a internet, conexións cable, satélite. etc...
Atención Telefónica ó cliente
(0034) 902 19 03 87
Galicia Digital
Atención ó cliente
Contacto